Investigadores vigueses conseguen converter residuos agroindustriais en deterxentes naturais

Na actualidade a maioría dos produtos que se comercializan na industria cosmética e farmaceútica, incluíndo medicamentos, conteñen na súa composición deterxentes sintetizados quimicamente, que tamén son empregados en moitos casos en actividades cotiáns de limpeza. Isto podería mudar de conseguirse produtos máis naturais e biocompatibles e esta é, precisamente, unha das liñas de traballo dos investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, onde leva a cabo o seu labor a investigadora Xanel Vecino, autora dunha tese de doutoramento que aposta polo aproveitamento e revalorización de residuos da industria vitivinícola e tamén de procesado do millo para a obtención de produtos de interese industrial como son os biosurfactantes, deterxentes naturais susceptibles de ser aplicados en farmacia e cosmética, e os bioadsorbentes, de elevada utilidade no tratamento das augas residuais.

O obxectivo, segundo explica a investigadora, é conseguir produtos de elevado valor engadido e máis sostibles co medio ambiente a partires de residuos ou subprodutos de algo tan habitual en Galicia como son a viña e o millo. “Se ben nestes intres a principal problemática da produción de biosurfactantes está relacionada co alto custe que teñen os deterxentes producidos biotecnoloxicamente en comparación cos deterxentes sintetizados quimicamente nesta investigación logramos extraelos dun subproduto da industria do procesado do millo a un custe que podería competir sen dificultade cos surfactantes sintetizados quimicamente”, subliña Vecino.
Ler a nova completa no DUVI