O grupo de investigación EQ10 e a spin-off Alén Space reciben os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019

Dous dos tres Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia veñen para a Universidade de Vigo. Esta convocatoria, convocada pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, premiou na súa quinta edición dúas propostas da institución viguesa, por unha banda o proxecto do grupo de investigación EQ10 para obter biodeterxentes a partir dos residuos do millo e, por outra, a spin-off Alén Space, centrada no deseño de nanosatélites que melloran os sistemas de comunicación.

Os galardóns, cunha dotación de 6000 euros cada un, serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o vindeiro 11 de decembro e teñen como finalidade recoñecer as mellores prácticas de transferencia do coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Aos dous galardóns obtidos pola Universidade de Vigo súmase un terceiro premio na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, que foi parar a mans do grupo de investigación Photonics4life da Universidade de Santiago de Compostela, por un proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable.

Ler a nova completa no DUVI